No mercado e no restaurante

Aquí temos algúns materiais máis para rematar a unidade relacionada coa alimentación.

AlimentosPraza_abastos

No_bar

Nestas ligazóns podedes escoitar ou descargar os audios correspondentes:

Na praza: http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/U4E4.mp3

No bar: http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/U4E7b.mp3

Aquí vos deixo tamén unha fotografía na que podedes apreciar algúns dos petiscos que se mencionan: unha ración de pementos, outra de zorza, que consiste en carne de porco picada e ben adubada, e unha cervexa ben fresquiña, por suposto: Estrella Galicia.

Os alimentos

Comezamos un tema novo falando de comida e de hábitos e gustos alimentarios. Aquí podedes consultar as fichas que vimos na aula.

Na primeira imaxe podedes ler a carta dun restaurante na que se ofrecen pratos típicos de Galicia como caldo, polbo á feira, xoubas con cachelos ou torta de queixo.

Carta_restaurante

Esta segunda imaxe recolle distintos diálogos que poden servirnos para falar dos nosos gustos. Por exemplo:

– Gústache a comida picante?

– A min si.

– Que ben, a min tamén!

Gustos_pronomes

Tamén se recolle nesa imaxe o uso dos pronomes, que xa sabedes que en galego van por norma xeral detrás do verbo, pero que con oracións negativas van antes del. Por exemplo:

– Comes algas?

– Si, cómoas. E ti comes algas?

– Non, eu non as como. 

Finalmente, na terceira imaxe, tedes un resumo das regras de formación de plural e un exercicio para aplicalas.

Formación_plural_alimentos

De propina unha canción de Miguel Costas e Aerolíneas Federales que tamén fala dun alimento, nesto caso, o xamón.

No seguinte documento podedes consultar a letra: Quero_xamón

Adverbios de lugar

Para dar indicacións sobre como chegar a un lugar ou enderezo cómpre coñecer os adverbios de lugar. Tamén poden servir para describir un cuarto ou unha fotografía. Por exemplo: Hai unha cama á esquerda da mesa, entre a butaca e a fiestra.

Lembrade que para a falar da localización empregamos os verbos haber e estar pero NON o ser. Exemplos:

1. Hai un oso de peluche enriba da cama.

2. O oso de peluche está enriba da cama.

3. O oso de peluche é enriba da cama. 

Aquí tedes unha imaxe que recolle estes adverbios e algúns exercicios para empregalos.

Localizar_espazo

A miña casa

Para describir a vosa casa ideal, cómpre saber algún léxico específico sobre os tipos de vivenda (chalé, piso, estudio…), as partes dunha casa (tellado, parede, teito…) e os cuartos que a forman (salón, comedor…).

Ademais, para facer unha descrición verdadeiramente completa, non podemos esquecernos dos mobles e os electrodomésticos que hai nas casas.

Aquí tedes unha presentación e unha imaxe con vocabulario que vos pode ser de axuda: A miña casa.

Casa_ideal

Un día normal

Déixovos aquí o material que estivemos vendo estes días na aula sobre o presente de indicativo e como empregalo para falar do que facemos na nosa vida diaria: érgome ás sete, maquíllome, vístome, lavo os dentes

Un_dia_normal

Lembrade que existen unha serie de marcadores para expresar as secuencia de accións: Primeiro almorzo café e torradas, logo dúchome, despois vístome e finalmente saio ao traballo a toda présa. 

Horarios_presente

De propina unha canción, que aínda que estea en castelán, acáelle moi ben a esta lección. Podedes consultar a letra neste arquivo: Un buen día.

Presente de indicativo

O presente de indicativo é o tempo verbal que empregamos para falar da realidade que se está a producir no momento no que se fala. Ex: Agora leo un blog en internet.

Tamén serve para falar de verdades universais, feitos científicos e costumes.

Ex:    A agua ferve a 100 graos. //O Sol sae polo leste. //Os luns pola mañá xogo ao baloncesto. //Pola tardiña fai os seus deberes e déitase.

Nesta imaxe podedes consultar como fan o presente de indicativo os verbos regulares das tres conxugacións (-ar, -er e -ir) e algúns exercicios para practicaren.

Tamén vos deixo unha ferramenta moi útil para conxugar os verbos: http://conxugador.cilenis.com/.

Só tedes que introducir o infinitivo do verbo que desexedes consultar.

Presente_indicativo

Os posesivos

Os posesivos son os determinantes que acompañan a un nome para indicar propiedade, pertenza ou unha relación de correspondencia.                                                                                                                                                                                                                            Ex: O meu pai é fontaneiro. A miña nai é caixeira nun supermercado.                  Neste cadro tedes as distintas formas dos posesivos para o singular e o plural, o masculino e o feminino. E neste documento (Exercicios_posesivos) atoparedes un texto sobre a familia que pon en práctica estes determinantes.

Imaxe

O tempo

Para falar das horas, dos días, das semanas, dos meses e dos anos, necesitamos coñecer certas expresións de tempo.

Ex: Que hora é? En que mes se celebra o Magosto? En que ano naciches? Que día da semana é o exame? A que hora pecha a biblioteca? Cando anoitece en Zadar?

Neste PowerPoint poderedes atopar o vocabulario máis frecuente relacionado co tempo, os horarios, as estacións e as partes do día: O tempo.

Aquí embaixo tamén vos deixo dous exercicios relacionados.

Horas_reloxosHorario_partes_dia

E de propina un vídeo do programa Bem Falado sobre a orixe dos nomes dos meses en galego: