O pospretérito

É a quenda do pospretérito, outro tempo do modo de indicativo, que ten distintos usos: dar consellos, pensar en que faríamos en situacións imaxinarias, pedir con cortesía, propor un plan…

Aquí tedes unha táboa na que se recollen eses usos e outros materiais relacionados que empregamos nas aulas.

taboa   pospreterito   consellos          exercicios_pospreterito         MAIS_pospreterito                                                  se foses         condicions  transformar_pospreterito

Outra vaca no millo!

Aquí vai algo do material de aulas pasadas: as expresións con animais cos seus correspondentes exercicios e algo para non esquecer as comparativas.

animais        descricion

LEMBRADE: sempre podemos empregar os elementos que/como para comparar, agás cando o termo comparado é un pronome persoal (min, ti, ela…). Neses casos, cómpre empregar ca/coma.

Ex: Come como un porco. Ou tamén: Come coma un porco.

Ex: É máis alto que unha xirafa. É máis alto ca unha xirafa.

Nestes dous exemplos o elemento que se compora non é un pronome persoal, polo tanto ambas as opcións son válidas.

Agora, fixádevos nestes outros exemplos nos que só podemos empregar ca/coma, por que aparecen pronomes persoais.

Ex: É tan intelixente coma min.

Ex: É máis rápido ca ela.

Concurso de microrrelatos

O Centro de Estudos Galegos de Oxford convoca un concurso de microrrelatos no que poderá participar calquera alumno de galego das distintas universidades que contan cun centro que imparta esta materia.

Cómpre que o relato sexa inédito e orixinal e a súa extensión non debe superar as 270 palabras (título incluído)

O prazo de presentación remata o 1 de maio. Se estades interesadas, aquí tedes máis información:

Concurso

Como facer unha presentación oral de calidade

Ante a inminente presentación oral dos vosos traballos, paréceme boa idea compartir convosco estes consellos para elaborar presentacións e expoñelas eficazmente.

Nesta primeira ligazón, pertencente ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, atoparedes consellos sobre como planificar, deseñar, redactar e expoñer con correción. Ademais, ofrecen modelos que vos permitirán axilizar o traballo.

Esta segunda páxina, realizada por Pilar Ponte Patiño, ofrece tamén directrices sobre como planificar actos orais e recolle unha serie de consellos moi prácticos, como por exemplo, que cores evitar na tipografía ou que fonte resulta máis apropiada.

Espero que vos sirvan e, sobre todo, que ensaiedes moito.

 

 

O antepretérito

Ata o de agora sabíamos como empregar os seguintes tempos verbais: o presente, o pretérito, o copretérito, o futuro e o pospretérito, todos eles tempos de indicativo. Agora, antes de poñer fin a este semestre, é a quenda do antepretérito, o último tempo que nos queda por coñecer do modo indicativo. Aquí embaixo tedes o material relacionado con el.

Antepreterito_1Antepreterito_2Antpreterito_3

Non esquezades que o día 31 é a data da proba final, que constará de contido gramatical e cultural, así como dun pequeno exercicio de audio.  Por outra parte, o día 29 teredes que expoñer as vosas presentacións orais sobre o libro de lectura obrigatoria. 

Phubbing, cando prefires o teu smartphone á xente que te rodea

Déixovos aquí a ligazón ao artigo da Disquecool que limos na aula sobre phubbing, ese fenómeno tan en voga que consiste en ignorar aos que te rodean para dedicarse a enredar co móbil. Recoméndovos visitar a páxina web http://stopphubbing.com, que aínda que estea en inglés, ten un montón de materiais orixinais para poñer freo a esta epidemia.

Erros máis comúns

Tralo parón de Nadal, toca retomar o curso. Para ir quecendo motores, imos repasar algúns dos erros que máis se repiten nas vosas redaccións. Nesta presentación atoparedes unha serie de oracións que conteñen erros tanto estilísticos como gramaticais. Tamén podedes ver as solucións: Erros máis comúns

Como podedes ver, a confusión entre os verbos ser/estar/haber provoca moitos erros, así que este cadro pode resultarvos útil.

Ser_estar

Por outra banda, para despedir definitivamente o Nadal, aquí vos deixo unha panxoliña interpretada por Fuxan os ventos coa súa letra:

Con un sombreiro de palla
un galego a Belén foi,
mentras adouraba ao Neno,
comeulle o sombreiro o boi.
DEIXADE AOS PASTORES
DEIXÁDEOS PASAR
QUE VAN CANTAR AO REI
A XESÚS NO PORTAL!
Nunhas pallas deitadiño
i en coiriños alí está!;
sendo o Dono diste mundo
e Señor de canto hai!

 

Ciclo de cine (3ª parte)

Este xoves ás seis da tarde poñemos fin ao ciclo de cine galego con dúas proxeccións. Por unha banda, a curtametraxe Aurelia de Milena Martínez Basalo, que conta a historia dunha muller de Lugo que emigrou a Londres nos anos 60 e acabou traballando na casa de Ringo Starr. Podedes ler máis información sobre ela neste artigo da Disque Cool.

E por outro lado, o filme Engurras de Ignacio Ferreras, baseado na banda deseñada de Paco Roca.  Esta película de animación, que recibiu numerosos galardóns dentro e fóra das nosas fronteiras, narra a amizade entre Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun centro xeriátrico.

Aquí vos deixo a curta, para aqueles que non poidades asistir, e o tráiler de Engurras.