Outra vaca no millo!

Aquí vai algo do material de aulas pasadas: as expresións con animais cos seus correspondentes exercicios e algo para non esquecer as comparativas.

animais        descricion

LEMBRADE: sempre podemos empregar os elementos que/como para comparar, agás cando o termo comparado é un pronome persoal (min, ti, ela…). Neses casos, cómpre empregar ca/coma.

Ex: Come como un porco. Ou tamén: Come coma un porco.

Ex: É máis alto que unha xirafa. É máis alto ca unha xirafa.

Nestes dous exemplos o elemento que se compora non é un pronome persoal, polo tanto ambas as opcións son válidas.

Agora, fixádevos nestes outros exemplos nos que só podemos empregar ca/coma, por que aparecen pronomes persoais.

Ex: É tan intelixente coma min.

Ex: É máis rápido ca ela.

Concurso de microrrelatos

O Centro de Estudos Galegos de Oxford convoca un concurso de microrrelatos no que poderá participar calquera alumno de galego das distintas universidades que contan cun centro que imparta esta materia.

Cómpre que o relato sexa inédito e orixinal e a súa extensión non debe superar as 270 palabras (título incluído)

O prazo de presentación remata o 1 de maio. Se estades interesadas, aquí tedes máis información:

Concurso

Recensión (ou reseña)

A recensión é un tipo de artigo no que se fai unha análise crítica dunha obra de recente publicación. Trátase pois dun texto que mestura as formas típicas dos textos expositivos cunha parte de argumentación. Ás veces tamén ides atopar a forma reseña* para facer referencia a este tipo de escritos; non obstante, esta palabra non figura no VOLGa, o vocabulario ortográfico da Real Academia Galega, polo tanto o máis correcto é falar de recensión.

Aquí vos deixo dous exemplos de recensión, un en galego (sobre a novela Liberdade de Jonathan Franzen) e outro en castelán (sobre a novela negra Cogan’s Trade, de George V. Higgins), que imos traducir na aula.

Tamén deixo aquí a presentación que vimos hoxe sobre erros e consellos para o traballo sobre a lectura obrigatoria de Made in Galiza: Erros_consellos

Como facer unha presentación oral de calidade

Ante a inminente presentación oral dos vosos traballos, paréceme boa idea compartir convosco estes consellos para elaborar presentacións e expoñelas eficazmente.

Nesta primeira ligazón, pertencente ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, atoparedes consellos sobre como planificar, deseñar, redactar e expoñer con correción. Ademais, ofrecen modelos que vos permitirán axilizar o traballo.

Esta segunda páxina, realizada por Pilar Ponte Patiño, ofrece tamén directrices sobre como planificar actos orais e recolle unha serie de consellos moi prácticos, como por exemplo, que cores evitar na tipografía ou que fonte resulta máis apropiada.

Espero que vos sirvan e, sobre todo, que ensaiedes moito.

 

 

Textos expositivos

Tralos textos descritivos, narrativos e argumentativos, chega a quenda do derradeiro tipo de textos co que imos traballar este semestre: os textos expositivos.

Este tipo de texto, cuxa principal función é a de transmitir información (feitos, ideas, conceptos…) dun xeito obxectivo, caracterízase por un rexistro formal e polo xeral está destinado a un receptor non especializado.

Son frecuentes este tipo de textos nos libros de texto, nas enciclopedias ou nos artigos de divulgación.

Preme nas imaxes para ler máis sobre os aspectos teóricos dos textos expositivos. Na terceira imaxe podes atopar dous exemplos, ao igual que neste documento Texto expositivo: a empanada

Lembrade tamén que debedes ir buscando un tema relacionado con Galicia (festas, gastronomía, seres mitolóxicos, acontecementos históricos, películas…) para realizar unha presentación oral duns 15 minutos na semana do 30 de xaneiro.

Textox_expositivosTextos_expositivos Textos_expositivos_exemplos

Phubbing, cando prefires o teu smartphone á xente que te rodea

Déixovos aquí a ligazón ao artigo da Disquecool que limos na aula sobre phubbing, ese fenómeno tan en voga que consiste en ignorar aos que te rodean para dedicarse a enredar co móbil. Recoméndovos visitar a páxina web http://stopphubbing.com, que aínda que estea en inglés, ten un montón de materiais orixinais para poñer freo a esta epidemia.

Erros máis comúns

Tralo parón de Nadal, toca retomar o curso. Para ir quecendo motores, imos repasar algúns dos erros que máis se repiten nas vosas redaccións. Nesta presentación atoparedes unha serie de oracións que conteñen erros tanto estilísticos como gramaticais. Tamén podedes ver as solucións: Erros máis comúns

Como podedes ver, a confusión entre os verbos ser/estar/haber provoca moitos erros, así que este cadro pode resultarvos útil.

Ser_estar

Por outra banda, para despedir definitivamente o Nadal, aquí vos deixo unha panxoliña interpretada por Fuxan os ventos coa súa letra:

Con un sombreiro de palla
un galego a Belén foi,
mentras adouraba ao Neno,
comeulle o sombreiro o boi.
DEIXADE AOS PASTORES
DEIXÁDEOS PASAR
QUE VAN CANTAR AO REI
A XESÚS NO PORTAL!
Nunhas pallas deitadiño
i en coiriños alí está!;
sendo o Dono diste mundo
e Señor de canto hai!

 

Ciclo de cine (3ª parte)

Este xoves ás seis da tarde poñemos fin ao ciclo de cine galego con dúas proxeccións. Por unha banda, a curtametraxe Aurelia de Milena Martínez Basalo, que conta a historia dunha muller de Lugo que emigrou a Londres nos anos 60 e acabou traballando na casa de Ringo Starr. Podedes ler máis información sobre ela neste artigo da Disque Cool.

E por outro lado, o filme Engurras de Ignacio Ferreras, baseado na banda deseñada de Paco Roca.  Esta película de animación, que recibiu numerosos galardóns dentro e fóra das nosas fronteiras, narra a amizade entre Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun centro xeriátrico.

Aquí vos deixo a curta, para aqueles que non poidades asistir, e o tráiler de Engurras.