Galego IV
Exames xuño 2015
Os pronomes: resumo xeral con exercicios
Tras traballar na aula sobre os pronomes, deberíamos saber responder ás seguintes preguntas:
- Que son? Lembrade que se poden definir segundo a súa función e o seu significado.
- Que tipos hai?
- Que son os pronomes átonos? A que tipo de complemento poden sustituir?
- Que é a concorrencia de pronomes?
- Como se colocan?
Para ver a presentación sobre o tema, preme aquí. Tamén podedes ver un pequeno fragmento do programa Ben Falado, no que se explica as regras sobre a colocación dos pronomes (a partir do minuto 2:15).
Aquí tedes as imaxes con máis información e algúns exercicios:
Pontes poéticas do Atlántio ao Adriático
A semana pasada, con motivo das Xornadas, tivemos o pracer de compartir aulas coa poeta Yolanda Castaño, que impartiu unha charla-obradoiro para as alumnas de galego. Déixovos aquí algunhas fotografías deste coloquio, así como da posterior mesa redonda na que participaron os poetas croatas Marko Pogačar e Meri Grubić Videc.
A continuación podedes ler o poema colectivo creado con Yolanda e construído sobre metáforas que fan referencia ao sol. Aínda que orixinalmente foi creado en galego, tamén o traducimos nas aulas en dúas versións: unha con rima e outra sen ela. Moitas grazas ás tradutoras, Magdalena e Vedrana!
A Illa Bufarda
A produtora audiovisual Illa Bufarda estivo a semana pasada na Universidade de Zadar con motivo das celebración das IX Xornadas Iberorrománicas. Aquí podedes ver algunhas das fotos tiradas durante os seus obradoiros de stop motion poética así como os textos sobre os que traballaron, tanto en galego como na tradución ao croata.
Pronto colgaremos tamén os resultados finais coas curtametraxes xa editadas!
Made in Galiza
Lembrade que o día 4 de xuño haberá que entregar o traballo sobre a lectura obrigatoria deste semestre para a materia de Galego IV. Premede aquí para descargar a guía de lectura.
Pretérito ou imperfecto de subxuntivo
Agora xa que coñecemos como funcionan todos os tempos do modo indicativo, podemos afondar un pouco máis nos tempos de subxuntivo. De momento vimos o presente de subxuntivo e os seus usos (preme aquí ou aquí para ler máis información) e agora é a quenda do pretérito (tamén chamado imperfecto) de subxuntivo.
Trátase dun tempo que se caracteriza pola terminación -ase/ese/ise (por exemplo: cantase, comese, vivise). Tede moito coidado porque aínda que en castelán o imperfecto de subxuntivo admita dúas formas (cantara/cantase), en galego son dous tempos distintos:
- Antepretérito de indicativo: cantara (Ex: Tanto cantara a noite anterior, que agora lle doía a gorxa) = FEITO
- Pretérito de subxuntivo: cantase (Ex: Se cantase mellor a xente viría aos meus concertos) = HIPÓTESE
O negocio dos teus soños
Este é o guion que hai que seguir para facer a presentación sobre o negocio dos vosos soños. Por parellas, imaxinade que tipo de negocio ou tenda abririades se tivesedes todos os cartos do mundo. Teredes que poñervos de acordo sobre o tipo de estabelecemento, a ubicación, o eslogan, a que vai dirixido, a decoración… Con toda esa información teredes que crear unha presentación para presentar ante o resto da aula. Ao final, entre todos, escolleremos a mellor idea.
Cursos de verán en Galicia
Xa está en marcha a XXVIII edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia, nos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa Real Academia Galega, co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e mais coa Deputación da Coruña, e que se celebrarán en Santiago de Compostela do 1 ao 24 de xullo de 2015.
A convocatoria ofrece tres niveis de cursos: elemental (de iniciación á lingua para quen desexe introducirse no seu coñecemento), medio (destinado a quen xa realizou o curso elemental ou demostre un coñecemento básico do idioma mediante a realización dunha proba de nivel) e superior (para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio da lingua galega), así como 50 bolsas por un importe de 350 euros e exención de pagamento de matrícula e mais outras 10 bolsas que eximen do pagamento da matrícula, mais que carecen doutra retribución económica. Os criterios de concesión das devanditas bolsas priorizan a procedencia do alumnado de centros de estugos galegos.
Aquí podedes descargar a ficha para inscribirse: