Pronto chega a tempada de exames deste semestre de verán. Nestas imaxes podedes consultar cales son os contidos a preparar para cada unha das materias de galego:
Non esquezades rexistrarvos no exame para as datas oficiais!
Aínda que sexa cun pouco de retraso, aquí vos vai a presentación vista nas aulas para a celebración do Día das Letras Galegas. Lembrade que este ano a figura homenaxeada foi o poeta Manuel María. Nesta páxina web poderedes atopar máis información sobre el, así como escoitar distintas versións musicadas dos seus poemas.
Aquí tedes o documento coa teoría sobre o Rexurdimento e os autores máis importantes deste periodo: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez.
Preme a continuación nestas ligazóns para ver as escolmas dos textos cos que traballamos na aula.
Como xa sabedes, a semana pasada celebramos a X edición das Xorndas Iberorrománicas na Universidade de Zádar. Para aquelas alumnas que non puideron asistir, aquí tedes unha actividade complementaria, centrada na tradución de poesía do croata ao galego e viceversa. Preme aquí para ver ou descargar o documento.
Lembrade que o día 31 de maio remata o prazo para entregar o traballo sobre a lectura obrigatoria deste semestre: a antoloxía poética Poetízate de Fran Alonso.
Aquí podedes consultar e descargar a guía de lectura para realizar este traballo.
Preme aquí para ver ou descargar a presentación sobre os Séculos escuros.
Relacionado con este tema, podemos ler este fragmento do ensaio Sempre en Galiza de Castelao, onde se reflicte sobre ese proceso de castelanización que tivo lugar dende o final da Idade Media.
“E diríalles máis: prohibistes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsastes o galego das igrexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugastes o galego ante os Tribunais de xustiza e chegastes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.”
Tamén pode ser interesante consultar esta unidade didáctica sobre a castelanización da toponimia galega.
Finalmente deixo un fragmento e as preguntas que tedes que responder con respecto ao documental Fronteiras, que veremos na aula o vindeiro martes.