Agora xa que coñecemos como funcionan todos os tempos do modo indicativo, podemos afondar un pouco máis nos tempos de subxuntivo. De momento vimos o presente de subxuntivo e os seus usos (preme aquí ou aquí para ler máis información) e agora é a quenda do pretérito (tamén chamado imperfecto) de subxuntivo.
Trátase dun tempo que se caracteriza pola terminación -ase/ese/ise (por exemplo: cantase, comese, vivise). Tede moito coidado porque aínda que en castelán o imperfecto de subxuntivo admita dúas formas (cantara/cantase), en galego son dous tempos distintos:
- Antepretérito de indicativo: cantara (Ex: Tanto cantara a noite anterior, que agora lle doía a gorxa) = FEITO
- Pretérito de subxuntivo: cantase (Ex: Se cantase mellor a xente viría aos meus concertos) = HIPÓTESE