Cursos de verán en Galicia

cursos_galego

Xa está en marcha a XXVIII edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia, nos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa Real Academia Galega, co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e mais coa Deputación da Coruña, e que se celebrarán en Santiago de Compostela do 1 ao 24 de xullo de 2015.

A convocatoria ofrece tres niveis de cursos: elemental (de iniciación á lingua para quen desexe introducirse no seu coñecemento), medio (destinado a quen xa realizou o curso elemental ou demostre un coñecemento básico do idioma mediante a realización dunha proba de nivel) e superior (para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio da lingua galega), así como 50 bolsas por un importe de 350 euros e exención de pagamento de matrícula e mais outras 10 bolsas que eximen do pagamento da matrícula, mais que carecen doutra retribución económica. Os criterios de concesión das devanditas bolsas priorizan a procedencia do alumnado de centros de estugos galegos.

Aquí podedes descargar a ficha para inscribirse:

Como facer unha presentación oral de calidade

Ante a inminente presentación oral dos vosos traballos, paréceme boa idea compartir convosco estes consellos para elaborar presentacións e expoñelas eficazmente.

Nesta primeira ligazón, pertencente ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, atoparedes consellos sobre como planificar, deseñar, redactar e expoñer con correción. Ademais, ofrecen modelos que vos permitirán axilizar o traballo.

Esta segunda páxina, realizada por Pilar Ponte Patiño, ofrece tamén directrices sobre como planificar actos orais e recolle unha serie de consellos moi prácticos, como por exemplo, que cores evitar na tipografía ou que fonte resulta máis apropiada.

Espero que vos sirvan e, sobre todo, que ensaiedes moito.