Técnicas narrativas

Ademais da voz do narrador, ás veces coñecemos o discurso dito ou pensado dos personaxes que participan na historia que se relata. Son catro as técnicas narrativas que se empregan para transmitilo: monólogo interior, estilo directo, estilo indirecto e estilo indirecto libre.

No seguinte documento podedes ver con máis detalle en que consiste cada unha das técnicas: Técnicas narrativas

E aquí tedes un fragmento da obra Os comedores de patacas de Manuel Rivas para ver estas técnicas en funcionamento:

Alí estaba mamá, tan delgada, tan triste. Sempre que a vía así, con aqueles ollos de animal ferido, dábanme ganas de chorar. Ela queríame.
-Es un desgraciado -murmurou-. Un desastre.
Gustaríame tanto que me dese un bico e que me agarimase os rizos loiros como lle fan aos nenos na primeira comuñón, antes de que manchen o traxe de almirante. tamén eu a quería.
-Vai á merda, mamá -díxenlle en voz tan alta que me deu un pinchazo na perna-. Non sei para que viñeches.
A miña perna. ¿que estaría a pasar aí dentro? Sentía coma se ma roese un rato. o médico contárame que todo ía ir ben pero a perna quedaría un pouquiño máis curta, porque o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí, escachara coma a ponla dunha árbore.
-Vou quedar coxo -díxenlle a mamá cun sorriso.
– ¡Desgraciado! -dixo ela.
Luou, o Home Araña, ese si que estaba mal. Tíñano enxesado de arriba abaixo, só coa cara descuberta, coma unha momia. Fora dando tumbos coma un pelele de serrín e cravárase nos ferros dunha reixa. Daba pena velo. Ía pasar meses mirando para o teito.
-Conducía el -díxenlle a mamá. E encendín un cigarro.
-Non fumes aquí, desgraciado.
Foramos ao aeroporto para ver as luces azuis e meternos Algo e logo baixamos polas curvas de Alvedro a 120.
O coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou e foi planeando pola ladeira ata que aterrou aló embaixo coma un parrulo torpe e desfalecido. Logo dos tumbos, volveuse escoitar só no mundo a música xitana do radiocasete. Estabamos nun xardín, recordo ben aquel cheiro coma de auga de xabrón. non pasaba nada e as estrelas estaban no seu sitio, pespuntes luminososna grande teitume. Durmín lambendo o sangue doce dos labios.
-¡Apaga ese cigarro, desgraciado!
Queríame, mamá. Sufría por min.
-¡Déixame tranquilo, hostia!
Dábame moita pena vela así.