- Preme aquí para ver máis actividades sobre o imperativo.
Nas últimas semanas estivemos traballando co léxico sobre o corpo, as doenzas e os medicamentos que podemos empregar para remedialas.
Ademais, tamén aprendimos como empregar o modo imperativo en afirmativo para as persoas ti /vós e vostede/vostedes, así como a dar consellos de distintos xeitos.
Aquí tedes o material que empregamos na aula. Non esquezades que o vindeiro xoves teremos unha proba de comprensión oral relacionada con estos temas e máis unha proba de expresión oral, na que teredes que recrear unha situación comunicativa na consulta médica.
Emprega o imperativo para dar máis consellos a estas persoas:
Lembra que o imperativo (para ti/vós) se constrúe a partir do presente de indicativo eliminando o -s final das segundas persoas. Exemplo:
PRESENTE DE INDICATIVO
Eu traballo
P2. Ti traballas = Traballa (IMPERATIVO)
El/ela traballa
Nós traballamos
P2. Vós traballades = Traballade (IMPERATIVO)
Eles/elan traballan
Lembrade ademais, que se precisades saber como se fai o imperativo dalgún verbo, podedes atopalo nesta ferramenta.
Aquí tedes unha serie de exercicios de repaso sobre algúns dos contidos gramaticais que vimos ultimamente na aula: imperativo, pronomes átonos, conectores, tiles e demostrativos.
Preme nesta ligazón para máis exercicios de Pronomes_átonos e breve texto para completar con tiles.
E neste outro para escoitar a canción de The Homens.
Para aprender as partes do corpo, aquí tedes este artigo sobre exercicios para relaxarse na oficina.
Como podedes ver, menciónanse distintas partes: xeonllos, pernas, cabeza, mans, pés, cóbados… Tamén vos deixo logo un pequeno debuxo para completar e un cadro cos distintos usos cos que podemos empregar o imperativo, que tamén aparece no texto.
Por outra banda, tralo exercicio de hoxe sobre empresas galegas, deixo aquí dúas fotografías: unha de figuras de porcelana de Sargadelos e outra de pezas de roupa de Bimba y Lola.
Os pronomes son aquelas palabras que empregamos para evitar a repetición dun nome.
Ex: Tomo vitaminas todos os días —-> Tómoas todos os días
Neste caso empregamos o pronome as para substituír un nome feminino plural (vitaminas). Como xa sabedes, por regra xeral, en galego o pronome vai unido ao verbo e posposto a el.
Aquí tedes unha táboa na que se recollen os distintos pronomes persoais átonos.
Como podedes ver (na terceira persoa, tanto de singular como de plural) atopamos dúas formas distintas dependendo da función que desempeñaba o nome substituído na frase orixinal.
Así, se queremos substituír un nome que funciona como complemento directo (acusativo) teremos que empregar o/a/os/as.
Ex: Merca o xarope na farmacia —-> Mércao na farmacia.
Pola súa banda, se o nome funciona como complemento indirecto (dativo), teremos que empregar lle/lles.
Ex: Enviei unha carta a miña nai —-> Envieille unha carta.
Neste caso vemos que o sintagma nominal substituído desempeñaba a función de complemento indirecto (a quen?).
Fixádevos que moitas veces nunha oración imos atopar CD e CI e polo tanto podemos substituír máis dun nome ou sintagma.
Ex: Engade azucre ás filloas —–> Engádeo ás filloas//Engádelles azucre.
E para rematar, déixovos aquí un documento con exercicios de ortografía (acentuación, b/v, h…) e un pequeno texto para reflectir sobre o uso dos pronomes: Exercicios_ortografía_imperativo_pronomes
As indicacións para preparar unha receita conforman un dos tipos de textos nos que se emprega o modo imperativo de maneira habitual. A seguir tedes no documento un exemplo sobre como preparar empanada de millo con berberechos: Receita_imperativo
Tamén vos deixo a ligazón a un vídeo dun programa de cociña da Televisión de Galicia (TVG): Larpeiros.
Neste fragmento do vídeo van preparar crema de cabazo. Estes son os ingredientes necesarios: aceite, cabazo, cebola, patacas, porro e caldo feito coa carcasa dunha galiña ou un polo. Que aproveite!