Cursos de verán

Un ano máis, a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan os Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia, que van ter lugar en Santiago de Compostela entre o 2 e o 24 de xullo de 2014.

Se queredes participar, debedes enviar por correo electrónico á Secretaría dos Cursos a ficha de inscrición, o voso curriculum vitae e unha carta de presentación dun profesor ou profesora de Universidade, así como todos os méritos que consideredes de interese.

Aquí tedes a ligazón para descargarvos a ficha de inscrición. E aquí ou tamén aquí podedes atopar máis información sobre as bolsas.

Lembrade que o prazo para a recepción de toda a documentación na secretaría dos cursos remata o 1 de maio.

        

Como cho digo

Púxose en marcha estes días unha iniciativa (Como cho digo) que ten como obxectivo visibilizar o galego nos medios de comunicación.

Esta campaña, impulsada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), nace para promover o emprego do galego na prensa, xa que moitas veces aínda que se emitan comunicados ou se fagan declaracións en galego, estes logo son traducidos ao castelán nos medios.

Aquí podedes sumarvos a esta iniciativa.