Escolma poética de Rosalía de Castro, Follas Novas (1880)
¡Pra a Habana!
Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Véndéronlle o carro
i as leiras que tiña,
deixárono soio,
coa roupa vestida.
«María, eu son mozo,
pedir non me é dado,
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou…
¡Adios, adios, prendas
do meu corazón!»
——————————-
Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.
——————————–
Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virme a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás…;
ferve o pote…, mais, meu caldo,
síña te hei de cear.
Cala, rula; os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soidás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai…
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime onde está.
Tamén vos deixo aquí a ligazón ao vídeo Cantigas de emigración, coa música de Fuxan os ventos, Amancio Prada e Benedito, que levou o segundo premio no IX Certamen de Cine Aficionado de Vilagarcía de Arousa en 1980.