Tiñamos aínda pendente subir este material, moi útil para a descrición dos obxectos que empregamos nas nosas vidas diarias.
Galego 01
A miña casa
Para describir a vosa casa ideal, cómpre saber algún léxico específico sobre os tipos de vivenda (chalé, piso, estudio…), as partes dunha casa (tellado, parede, teito…) e os cuartos que a forman (salón, comedor…).
Ademais, para facer unha descrición verdadeiramente completa, non podemos esquecernos dos mobles e os electrodomésticos que hai nas casas.
Aquí tedes unha presentación e unha imaxe con vocabulario que vos pode ser de axuda: A miña casa.
Un día normal
Déixovos aquí o material que estivemos vendo estes días na aula sobre o presente de indicativo e como empregalo para falar do que facemos na nosa vida diaria: érgome ás sete, maquíllome, vístome, lavo os dentes…
Lembrade que existen unha serie de marcadores para expresar as secuencia de accións: Primeiro almorzo café e torradas, logo dúchome, despois vístome e finalmente saio ao traballo a toda présa.
De propina unha canción, que aínda que estea en castelán, acáelle moi ben a esta lección. Podedes consultar a letra neste arquivo: Un buen día.
Presente de indicativo
O presente de indicativo é o tempo verbal que empregamos para falar da realidade que se está a producir no momento no que se fala. Ex: Agora leo un blog en internet.
Tamén serve para falar de verdades universais, feitos científicos e costumes.
Ex: A agua ferve a 100 graos. //O Sol sae polo leste. //Os luns pola mañá xogo ao baloncesto. //Pola tardiña fai os seus deberes e déitase.
Nesta imaxe podedes consultar como fan o presente de indicativo os verbos regulares das tres conxugacións (-ar, -er e -ir) e algúns exercicios para practicaren.
Tamén vos deixo unha ferramenta moi útil para conxugar os verbos: http://conxugador.cilenis.com/.
Só tedes que introducir o infinitivo do verbo que desexedes consultar.
Os posesivos
Os posesivos son os determinantes que acompañan a un nome para indicar propiedade, pertenza ou unha relación de correspondencia. Ex: O meu pai é fontaneiro. A miña nai é caixeira nun supermercado. Neste cadro tedes as distintas formas dos posesivos para o singular e o plural, o masculino e o feminino. E neste documento (Exercicios_posesivos) atoparedes un texto sobre a familia que pon en práctica estes determinantes.
O tempo
Para falar das horas, dos días, das semanas, dos meses e dos anos, necesitamos coñecer certas expresións de tempo.
Ex: Que hora é? En que mes se celebra o Magosto? En que ano naciches? Que día da semana é o exame? A que hora pecha a biblioteca? Cando anoitece en Zadar?
Neste PowerPoint poderedes atopar o vocabulario máis frecuente relacionado co tempo, os horarios, as estacións e as partes do día: O tempo.
Aquí embaixo tamén vos deixo dous exercicios relacionados.
E de propina un vídeo do programa Bem Falado sobre a orixe dos nomes dos meses en galego:
Audio: presentacións
Aquí tedes tres arquivos de audio no que tres rapazas van presentarse e describir as súas afeccións. Na imaxe tedes o resto da información, un exercicio para unir cada descrición coa fotografía que corresponda e un exercicio para expresar a vosa opinión sobre a súa personalidade.
Audio:
http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/AulaGalego1_audio8.wma
http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/AulaGalego1_audio9.wma
http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/AulaGalego1_audio10.wma
Describir unha persoa
Para a redacción que teredes que entregar a próxima semana seravos útil o léxico relacionado coa descrición dunha persoa, ben sexa para describir o aspecto físico ou a personalidade e os gustos.
Aquí tedes dos PowerPoints que recollen ese vocabulario: O aspecto físico e A personalidade.
Tamén vos deixo o exercicio que fixemos sobre os anuncios de buscar parella. Son dous bos exemplos de descricións.
Ao teléfono
Nesta imaxe podedes ler algunhas das fórmulas máis empregadas para responder ao teléfono ou para chamar por alguén. Tamén vos deixo un exercicio de completar ocos máis o audio dunha conversa telefónica para que practiquedes.
O audio: http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/U1E10.mp3
A familia
Aquí tedes o PowerPoint correspondente ao léxico dos parentescos. Lembrade tamén algunhas palabras menos frecuentes, pero que tamén vimos na aula, como por exemplo: padrasto/madrasta ou medio irmán/media irmá.
Así como os adxectivos para falar do estado civil: solteiro/solteira, casado/casada, divorciado/divorciada, viúvo/viúva, con mozo/moza, noivo/noiva ou o termo máis ambiguo parella.
Descargar presentación: A familia