Con motivo da celebración do Día do Libro o pasado 23 de abril, o departamento de Linguas Iberorrománicas da Universidade de Zadar organizou unha lectura pública de poesía no centro da cidade.
Galego 6
Talan un carballo de 300 anos no Camiño de Santiago
A pasada semana foi talado en Galicia un carballo moi especial por culpa dos operarios dunha compañía eléctrica.
A árbore, que tiña máis de 300 anos de antigüidade e estaba situada nun punto estratéxico do Camiño de Santiago, sufriu durante o verán unha poda excesiva que fixo que o carballo finalmente secara e tivera que ser talado estes días.
Preme na ligazón para ler o artigo sobre esta nova e os exercicios de lingua correspondentes: A poda de Fenosa.

O carballo sempre tivo un valor mitolóxico para o pobo galego
As cantigas de escarnio e maldicir
Tras as cantigas de amigo e as cantigas de amor, as cantigas de escarnio e maldicir son o terceiro grande grupo da lírica medieval galego-portuguesa.
Neste grupo adoitan incluírse composicións moi variadas que teñen como nexo común unha intención satírica ou paródica.
A través delas podemos coñecer os hábitos da sociedade da época e léxico relacionado cos ámbitos máis básicos da vida: roupa, partes do corpo, profesións…
Dentro desta categoría podemos distinguir distintos grupos, pero o máis común no corpus galego-portugués é o da sátira social, de tipos e costumes, no que se critican profesións, defectos físicos ou a luxuria dalgúns membros da sociedae.
En canto aos recursos, estas cantigas destacan polo emprego da ironía, os disfemismos e ás referencias de carácter sexual.
Preme nas ligazóns para descargar a presentación do tema, a escolma de textos relacionados e unha nova que trata sobre o centenario do Pergamiño Vindel, un documento único que contén a notación musical de distintas cantigas profanas.

Biblioteca Pierpont Morgan (Nova Iorque), onde se atopa o manuscrito orixinal do pergamiño Vindel
Presentación sobre cantigas de escarnio e maldicir
Escolma de cantigas de escarnio e maldicir
Centenario do Pergamiño Vindel
As cantigas de amor
Se xa sabemos distinguir entre unha alborada, unha bailada ou unha mariña, agora é a quenda das cantigas de amor. Se as cantigas de amigo eran composicións postas en boca dunha muller que se laiaba pola ausencia do seu amigo ou namorado, neste tipo de cantigas a voz poética recae sobre un home que na maioría dos casos se queixa polo amor non correspondido do seu señor (senhor) ou dama. Para saber máis sobre as características das cantigas de amor, preme nesta presentación.
Deixo aquí unha escolma de cantigas e distintos exercicios para traballar sobre este tema.
Tradución de poemas
Con motivo da celebración do Día do Libro o 23 de abril, estivemos traducindo nas aulas de Galego IV e Galego VI dous poemas que se repartirán ese día pola rúa: un de Manuel Rivas (A leiteira) e outro de Yolanda Castaño (Mazás do xardín de Tolstoi).
Aquí podedes ver as dúas versións e mailos textos orixinais:
Leiteira_Mlijekarica e Yolanda Castaño_Jabuke iz Tolstojevog vrta

O cadro de Johannes Vermeer que serve de inspiración a Manuel Rivas

A praia de Jurmala (Letonia), onde Yolanda Castaño síntese como na casa
As cantigas de amigo
A pesar de que xa tedes outras presentacións máis completas sobre o tema, deixo aquí este documeto complementario sobre as cantigas de amigo, que recolle a información máis básica dun xeito esquematizado: emisor, tipos, personaxes, temas, símbolos…
Tamén subo unha pequena presentación cos subxéneros máis comúns (mariñas, bailadas, de romaría, alboradas), os recursos formais máis habituais: refráns, paralelismos, leixapréns… e unha pequena escolma de cantigas de amigo.
Aquí deixo tamén o documento coa cantiga de Nuno Fernandes Torneol (Levad’, amigo que dormide’las manhanas frías) que presenta unhas características moi especiais.
Os trobadores do Reino de Galicia
Aquí tedes máis material sobre tres figuras fundamentais da lírica galega medieval: Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño.
Como xa sabedes, a estes tres xograres/trobadores dedicouselle o Día das Letras Galegas en 1998. Por aquel entón, a mítica revista Golfiño publicaba este completo artigo no que ademais de datos biográficos atopamos as súas cantigas.
Trátase sempre de cantigas de amigo, un tipo de composición breve na que a voz poética é unha muller namorada que se dirixe ao seu amigo, habitualmente ausente nese momento. Ademais, os autores comparten orixe. Probablemente os tres proceden do entorno da ría de Vigo: Johan ou Xoán de Cangas da zona do Morrazo, Mendiño (tamén Meendihno) de Redondela ou Vigo e Martín Codax de Vigo, polas numerosas referencias á cidade nas súas composicións.
Mulleres galegas na Historia
Con motivo da celebración do día da muller o pasado sábado, esta semana traballamos na aula con distintos materiais relacionados coas mulleres na Historia.
Primeiro podedes descargar esta presentación que fai un percorrido por personaxes femininas que desempeñaron un papel importante en distintos períodos históricos: a soldadeira María Balteira, a almirante Isabel Barreto, a penalista Concepción Arenal, a pintora Maruxa Mallo…e outras non tan coñecidas como a futbolista Irene ou a xornalista Sofía Casanova: Mulleres
Tamén tedes dous textos. Un pequeno texto informativo sobre Exeria, a intrépida viaxeira da Idade Antiga e un artigo de Manuel Rivas sobre Elisa e Marcela, unha parella de mozas lesbianas que tivo que facer fronte á sociedade reaccionaria e maliciosa de comezos do século XX.
Finalmente, tamén vos deixo a ligazón a un documental de Antón Reixa que analiza a figura de Maruxa Mallo.
A ruta Xacobea
Denomínase Camiño de Santiago ao conxunto das vías de acceso que os peregrinos poden percorrer para chegar ata a catedral de Santiago de Compostela, onde supostamente residen os restos do Apóstolo.
Foi no século IX cando se descubriu o corpo e dende entón Galicia converteuse nun centro de peregrinación para toda a cristiandade, sendo unha vía de penetración para correntes culturais, como aconteceu no caso da lírica provenzal, así como unha fonte de ingresos que fixo que a cidade florecera.
Base de datos das cantigas medievais galego-portuguesas
O Instituto de Estudos Medievais da Facultade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa presenta este proxecto dirixido por Graça Videira Lopes que pon a disposición pública a totalidade das composicións medievais galego-portuguesas.
Trátase dunha ferramenta moi útil na que ademais de atopar os textos das cantigas, podedes atopar glosarios, versións musicadas, imaxes dos manuscritos orixinais…

Ondas do mar de Vigo de Martín Codax no Pergamiño Vindel