Texto narrativo: Bolboretas

Déixovos aquí o texto de Xabier P. Docampo (en versión bilingüe galego/inglés) co que traballamos na aula a semana pasada. Un texto narrativo cargado de lirismo e relatado en primeira persoa na que o protagonista plasma a emoción do primeiro bico.

Bolboretas_1

Bolboretas_2

Tedes tamén neste documento unha serie de exercicios para practicar os tempos verbais e os rexistros que se adoitan empregar nos textos narrativos: Exercicios_textos_narrativos

 

Ciclo de cine (2ª parte)

Este vindeiro xoves día 12 proxectaremos dentro do cicle de cine o filme O apóstolo (2012). Neste documento en pdf podes ler un artigo relacionado coa película e os seus exercicios correspondentes: O Apóstolo entra na selección para candidatas ao Óscar.

Aquí vos deixo o tráiler da película:

Lembrade tamén que se proxectará previamente unha curta sobre os percebeiros dirixida por David Beriain: Percebeiros (Sea Bites).

E dúas tiras cómicas para rematar:

Percebeiros   Años_anos

Ciclo de cine en galego

Como xa fun anunciando estes días nas aulas, neste mes de decembro celebrarase un ciclo de cine en lingua galega. Durante todos os xoves lectivos deste mes, proxectaranse unha curta e un filme relacionados con Galicia ou en lingua galega. Comezamos o xoves 5 de decembro coa curta Anacos de Xacio Baño e o filme Vilamor, dirixido por Ignacio Vilar. A proxección terá lugar no DHM ás 6 da tarde. Estades todos convidados. Haberá flocos de millo (a.k.a. kokice).

Aquí vos deixo o cartel do evento e máis o tráiler da curta e da película deste vindeiro xoves.

Cartel_cine

Técnicas narrativas

Ademais da voz do narrador, ás veces coñecemos o discurso dito ou pensado dos personaxes que participan na historia que se relata. Son catro as técnicas narrativas que se empregan para transmitilo: monólogo interior, estilo directo, estilo indirecto e estilo indirecto libre.

No seguinte documento podedes ver con máis detalle en que consiste cada unha das técnicas: Técnicas narrativas

E aquí tedes un fragmento da obra Os comedores de patacas de Manuel Rivas para ver estas técnicas en funcionamento:

Alí estaba mamá, tan delgada, tan triste. Sempre que a vía así, con aqueles ollos de animal ferido, dábanme ganas de chorar. Ela queríame.
-Es un desgraciado -murmurou-. Un desastre.
Gustaríame tanto que me dese un bico e que me agarimase os rizos loiros como lle fan aos nenos na primeira comuñón, antes de que manchen o traxe de almirante. tamén eu a quería.
-Vai á merda, mamá -díxenlle en voz tan alta que me deu un pinchazo na perna-. Non sei para que viñeches.
A miña perna. ¿que estaría a pasar aí dentro? Sentía coma se ma roese un rato. o médico contárame que todo ía ir ben pero a perna quedaría un pouquiño máis curta, porque o óso grande, ese como se chama, que vai de aquí ata aquí, escachara coma a ponla dunha árbore.
-Vou quedar coxo -díxenlle a mamá cun sorriso.
– ¡Desgraciado! -dixo ela.
Luou, o Home Araña, ese si que estaba mal. Tíñano enxesado de arriba abaixo, só coa cara descuberta, coma unha momia. Fora dando tumbos coma un pelele de serrín e cravárase nos ferros dunha reixa. Daba pena velo. Ía pasar meses mirando para o teito.
-Conducía el -díxenlle a mamá. E encendín un cigarro.
-Non fumes aquí, desgraciado.
Foramos ao aeroporto para ver as luces azuis e meternos Algo e logo baixamos polas curvas de Alvedro a 120.
O coche estivo no aire coma se quixese voar e finalmente voou e foi planeando pola ladeira ata que aterrou aló embaixo coma un parrulo torpe e desfalecido. Logo dos tumbos, volveuse escoitar só no mundo a música xitana do radiocasete. Estabamos nun xardín, recordo ben aquel cheiro coma de auga de xabrón. non pasaba nada e as estrelas estaban no seu sitio, pespuntes luminososna grande teitume. Durmín lambendo o sangue doce dos labios.
-¡Apaga ese cigarro, desgraciado!
Queríame, mamá. Sufría por min.
-¡Déixame tranquilo, hostia!
Dábame moita pena vela así.

Textos narrativos

Se nas semanas pasadas viamos os textos descritivos, agora é a quenda dos textos narrativos. Estes textos caracterízanse por ser aqueles que transmiten feitos, ben sexan reais ou imaxinarios, con palabras. Os contos, as lendas, as novelas…son exemplos de textos narrativos.

Nesta imaxe, poderedes atopar máis información sobre este tipo de textos: elementos dunha narración, estrutura e tipos de texto narrativo.

Textos_narrativos

Tamén deixo aquí este vídeo, que recolle unha fábula protagonizada por dous animais: un raposo e un sapo.

Receitas

Con motivo da celebración do Magosto/Castanyada/Marunada esta semana, deixo aquí unha receita de filloas moi sinxela:

Filloas

Aquí tedes unha listaxe doutras delicias que podedes preparar para o vindeiro venres:

E para rematar, preséntovos o cartel oficial da festa:
 Marunada

 

Textos sobre a emigración 5: Follas Novas

Escolma poética de Rosalía de Castro, Follas Novas  (1880)

¡Pra a Habana!

Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Véndéronlle o carro
i as leiras que tiña,
deixárono soio,
coa roupa vestida.
«María, eu son mozo,
pedir non me é dado,
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou…
¡Adios, adios, prendas
do meu corazón!»

——————————-

Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.

——————————–

    Tecín soia a miña tea,
    sembrei soia o meu nabal,
    soia vou por leña ó monte,
    soia a vexo arder no lar.
    Nin na fonte nin no prado,
    así morra coa carrax,
    el non ha de virme a erguer,
    el xa non me pousará.
    ¡Que tristeza! O vento soa,
    canta o grilo ó seu compás…;
    ferve o pote…, mais, meu caldo,
    síña te hei de cear.
    Cala, rula; os teus arrulos
    ganas de morrer me dan;
    cala, grilo, que si cantas,
    sinto negras soidás.
    O meu homiño perdeuse,
    ninguén sabe en onde vai…
    Anduriña que pasache
    con el as ondas do mar;
    anduriña, voa, voa,
    ven e dime onde está.

Tamén vos deixo aquí a ligazón ao vídeo Cantigas de emigración, coa música de Fuxan os ventos, Amancio Prada e Benedito, que levou o segundo premio no IX Certamen de Cine Aficionado de Vilagarcía de Arousa en 1980.

Texto sobre a emigración 4: Unha noite na eira do trigo

Aquí tedes a composición de Manuel Curros Enríquez que vimos o outro día na aula: Cántigamáis popularmente coñecida como Unha noite na eira do trigo, a pesar de que como podedes ver esa liña non figura no poema senón que foi engadida logo nas versións musicais que se fixeron do texto.

No xardín unha noite sentada
ao refrexo do branco luar
unha nena choraba sin trégolas
os desdés dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas dicía,
“xa no mundo non teño ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben”.

Os seus ecos de malenconía
camiñaban nas alas do vento
i o lamento
repetía:
“vou morrer e non vén o meu ben!”.

Lonxe dela, de pé sobre a popa
dun aleve negreiro vapor
emigrado, camiño de América
vai o pobre, infeliz Amador.

I ao mirar ás xentís anduriñas
cara á terra que deixa cruzar:
“quen puidera dar volta – pensaba-,
quen puidera convosco voar!”.

Mais a aves i o buque fuxían
sin ouír seus amargos lamentos;
solo os ventos
repetían:,
“quen puidera convosco voar!”

Noites craras de aromas e lúa
desde entón que tristeza en vós hai
para os que viron chorar unha nena
para os que viron un barco marchar!

Dun amor celestial verdadeiro
quedou solo de bágoas a proba
unha cova
nun outeiro
i un cadavre no fondo do mar.

Música:

Versión de  Uxía:  http://www.youtube.com/watch?v=iFfditBb3_E

Versión de Os Tamara e Pucho Boedo: http://www.youtube.com/watch?v=V3BHVj01mGs