Texto sobre a emigración 1: Memorias dun neno labrego

Xosé Neira Vilas, escritor exiliado en Cuba, converteu as memorias do neno Balbino nun dos meirandes éxitos da literatura galega. En que momento da historia de Galicia cres que se sitúa o seguinte fragmento?

América

Hai moitos meses que meu irmán Miguel marchou para América. Inda me lembro de cando se despediu de nós. Miña nai, a tía Carme e a madriña choraban. Meu pai estaba serio coma un pote. Nin bágoas nin risadas: os homes son homes. O padriño non quixo ir. A Celia, que está servindo en Loxo, mandámoslle recado pero non a deixaron vir os señores.

Eu estaba no medio de todos. Ninguén facía caso de min. Bulían a darlle consellos ó viaxeiro mentres non chegaba o coche de liña. Miguel dicía a todo que si, con cara de «tanto me ten». Collinlle unha man e púxenme a contarlle os dedos para un lado e para o outro, dende o gordo ó meimiño. Non dei chío pero gustábame que Miguel marchase. Despois contaríame moitas cousas. E eu diríaas na escola. Como non me atendía, turrei por el para unha beira. Anagouse e díxenlle ó pé da orella: «Eu quero que te vaias. Mándame unha carta dende América e cóntame historias de alá». Sorriu, púxome unha man na cabeza e esgarabelloume no pelo. Sentín coma un proído de sarabullo no corpo todo.

Escoitamos a buguina do «Modelo». Viña a todo meter, cun eito de caixóns e cestos derriba. Miña nai e mais a madriña dábanlle bicos e apertas a Miguel, e seguían choromicando. Meu pai ergueu a maleta ata onde estaba o revisor. Unha maleta noviña, feita polo carpinteiro de Quintela. Despois apertou contra si un instante a meu irmán. Antes de meterse no coche, Miguel colleume polo pescozo, deume un bico na cara, e cun «abur, Balbino» fuxiu coma un lóstrego. Eu quedei feito un papón. Non souben dicir nin facer nada. Arrincou ó xeiteniño o «Modelo». Miguel axexaba para nós mentres abaneaba un pano da man.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s